O Foucellas
Benigno
Andrade García, alcumado o Foucellas, nado o 22 de outubro do 1908
no lugar das Foucellas, no concello de Mesía, e agarrotado o 7 de agosto de 1952,
na Prisión Provincial da Coruña, foi un militante da CNT e guerilleiro
anti-franquista. Benigno Andrade é un dos nomes míticos do antifranquismo
armado na Galicia.
Nacido no lugar das Foucellas, do que tomou o alcume, na parroquia de
Cabrui, Mesía. Estudou na escola primaria da localidade e desde moi novo
traballou nos labores do campo, de xornaleiro, e tamén traballou nunha leitería. Máis tarde trasladouse a León para
traballar nas minas de carbón de Fabero, Ponferrada.
Casado con María Pérez, tivo dous fillos, Josefa e Sergio. A súa muller traballaba
na casa do médico da localidade, Manuel Calvelo, quen xunto coa súa muller
Isabel Ríos, dirixían a célula comunista de Curtis, chamada “Sociedade
Republicana Radio Comunista” en Curtis, coa que simpatizaba Foucellas.
Posteriormente afiliado á CNT,
ao estalar a Guerra Civil enrolouse
nunha columna que se dirixía á Coruña, para atoparse coa cidade xa tomada polos
grupos golpistas, polo que retornou a Curtis. Interveu nunha requisa de armas en
Fisteus e noutra de dinamita na estación
de Teixeiro e, temendo represalias dos sectores fascistas, botouse ao
monte. Durante a guerra estivo enfermo de difteria e pasouna convalecente e
escondido en diversos lugares do concello. Durante ese tempo foi chamado a
filas e declarado prófugo.
Xa recuperado e aínda non buscado activamente pola Garda Civil, púxose á
fronte, sobre o ano 1941, dunha partida guerrilleira que actuaba sobre todo na
zona de Sobrado dos Monxes e Arzúa,
formada principalmente por prisioneiros republicanos fuxidos dos batallóns de
castigo disciplinario que existían naquela época en Galicia. Coa súa propia
arma, é ferido en 1945. Os amigos lévano ao sanatorio de San Nicolás, na
Coruña, onde é operado e resgardado. É por esta altura cando se conta que ía a
Riazor ver o Deportivo vestido de crego para evitar sospeitas. Benigno Andrade
participa do Exército Guerileiro de Galicia En 1947 parte para Pontevedra, onde
é o principal combatente da V Agrupación. En outubro de 1949 escapa a unha
emboscada da Garda Civil tendida a Riqueche, xefe do destacamento Cortizas.
Nos anos 1950 e 51, xa moi minguados os destacamentos guerrileiros,
trasládase á zona de Betanzos, en compañía de Manuel Villar, Manolito,
que lle servía de único enlace. O 9 de marzo de 1952 é detido no lugar de
Costa, en Orza de Ríos resultando morto Manolito e outro guerrilleiro, e
o Garda Civil Cesáreo Díez; e ferido nunha perna Benigno.
Terribelmente torturado pola Garda Civil, confesou a axuda que lle
prestaran moitos alcaldes dereitistas da zona. Foi xulgado en Consello de
Guerra o 26 de xuño de 1957 e condenado a morte, sentenza executada o 7 de
agosto do mesmo ano, na prisión da Coruña , mediante garrote vil e sendo
soterrado nunha fosa común do cemiterio de San Amaro.
As últimas palabras aos seus fillos antes de morrer foron:
“Morro polas miñas ideas e por defender a liberdade e un goberno
lexitimamente elexido”.